- O presidente da Xunta reúnese coa Comisión de expertos para o asesoramento no desenvolvemento e uso ético da intelixencia artificial en Galicia
- Asegura que a futura lei sobre intelixencia artificial vai consolidar Galicia como referente no uso ético desta tecnoloxía e como lugar atractivo para a inversión empresarial neste eido
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o potencial de Galicia para situarse á vangarda no impulso de novas tecnoloxías e das medidas que garantan un uso seguro e axeitado das mesmas.
Durante un encontro coa Comisión de expertos para o asesoramento no desenvolvemento e uso ético da intelixencia artificial en Galicia, Rueda puxo como exemplo a futura lei sobre intelixencia artificial na que se está a traballar o Goberno autonómico. Unha normativa que vai consolidar Galicia coma referente europeo no uso ético destas tecnoloxías e coma lugar atractivo para a inversión empresarial neste sector.
Rueda agradeceu o labor de asesoramento desta Comisión e lembrou que o obxectivo último dos avances tecnolóxicos sempre ten que ser “mellorar a calidade de vida das persoas”. Para iso, salientou, é preciso o traballo conxunto entre administracións, universidades e o tecido produtivo.