STG

Programa de Voluntariado Dixital

Programa de Voluntariado Dixital (VolDIX) é unha iniciativa posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta de Galicia en colaboración coa Consellería de Política Social. Actualmente forma parte da Estratexia Galicia Dixital 2030, que busca situar a comunidade como unha rexión de referencia en Europa, onde o uso das tecnoloxías dixitais contribúe a aumentar a calidade de vida e ao desenvolvemento sostible nas súas tres vertentes: social, económica e medioambiental.

Desde 2016, VolDIX tamén formou parte do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 como un dos proxectos clave que asentaron as bases para definir a nova estratexia de inclusión dixital da comunidade e que tivo o obxectivo común de transformar a cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital.

Actualmente, VolDIX forma parte do novo Plan para o impulso da inclusión, capacitación e talento dixital en Galicia, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, que fusiona os anteriores Plan de Inclusión Dixital 2020 e Plan DigiTalent 2020 nun único instrumento estratéxico que toma o seu relevo para enfocarse no horizonte 2030 coa misión de conseguir unha sociedade máis autónoma dixitalmente que non deixe a ninguén atrás.

Misión:

  • Incorporar a tecnoloxía á vida cotiá de todos os galegos e galegas mediante a colaboración e o compromiso de persoas voluntarias, co obxectivo de mobilizar a sociedade cara a unha sociedade da información e o coñecemento.

Obxectivos:

  • Promover a innovación na xestión

Potenciación do uso das novas tecnoloxías pola cidadanía e apoio e consolidación do seu uso no terceiro sector posibilitando a súa autonomía, participación, colaboración e mellora na súa xestión diaria.

  • Promover novos valores na sociedade

Fomentar a responsabilidade da propia sociedade civil a través da dedicación voluntaria de tempos e capacidades, xa sexa a nivel individual ou a través da responsabilidade social empresarial (RSE) por parte do sector privado e outras entidades e organizacións de calquera ámbito na nosa comunidade.

  • Promover a eficiencia e a cooperación: Máis por menos

Contribuír a xerar e difundir a MARCA Voluntariado e Tecnoloxía como unha marca que canalice as diferentes ACCIÓNS SOLIDARIAS na nosa comunidade que inciden directamente na mobilización da cidadanía de cara á sociedade da información e o coñecemento.

Valores:

  • Unión da solidariedade, o voluntariado e a tecnoloxía para construír unha sociedade mellor
  • Compartir o coñecemento de maneira voluntaria e altruísta
  • Traballo e colaboración en rede para a construción conxunta da sociedade do coñecemento