- A porcentaxe de fogares con este servizo contratado nestes municipios roza o 90 %, aproximándose ao 94,3 % da media galega
- O uso de internet entre as persoas de 65 a 74 anos increméntase en máis dun 27 % entre 2020 e 2023
- Preto do 64 % dos galegos e galegas merca online e máis do 78 % dos internautas empregan a banca electrónica
O 94,3 % das familias galegas dispón de acceso a Internet no fogar. Entre 2020 e 2023, a porcentaxe de fogares galegos con conexión a Internet aumentou un 4,4 %, mentres a media europea fíxoo no 2,3 %. O aumento foi especialmente significativo nos concellos con menos de 5.000 habitantes, onde se produciu un crecemento do 20,5 % neste mesmo período.
A porcentaxe de usuarios de Internet nos últimos tres meses chega ao 91,5 %, o que representa aumento do 2,5 % en comparación co 2022. O crecemento máis significativo prodúcese no tramo de idade de entre 65 e 74 anos, no que o uso de internet increméntase un 27,5 %.
Os datos corresponden ao estudo Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2023 elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Conexión a internet nos fogares
En 2023 un total de 890.005 fogares galegos tiña contratada unha conexión de Internet, o que supuxo un incremento de 36.545 fogares desde 2020.
Os concellos que rexistraron o maior incremento na contratación deste servizo foron os de menos de 5.000 habitantes, cunha porcentaxe de 89,7 % no 2023 (un 3,7 % respecto ao ano anterior), o que supuxo un total de 3.815 fogares máis con internet contratada no último ano.
Tamén se rexistrou un importante aumento na porcentaxe de fogares con conexión a Internet de máis de 100 Mbps, situándose no 32,7 % en 2023 fronte ao 27,2 % que rexistraba no ano 2020.
A dixitalización dos fogares galegos segue incrementándose no 2023
No 2023, o 79,1 % do total de fogares galegos dispoñen de ordenador de sobremesa, portátil ou tablet. O maior crecemento ven dado polos ordenadores portátiles, un 1,7 % máis que o ano anterior, e que están presentes no 61,1 % dos fogares galegos.
Ademais, o 27,8 % dos fogares galegos dispoñen dalgún dispositivo electrónico intelixente o que supón un incremento relativo do 59,7 % respecto ao ano anterior. Tamén aumentan nun 50 % os dispositivos de seguridade con conexión a internet, nun 20,2 % os altofalantes intelixentes e nun 12,6 % os fogares con smart tv.
O dispositivo electrónico máis estendido entre os galegos e galegas é o smartphone, do que dispón o 92,6 % da poboación galega. O seu uso é universal nas persoas de 16 a 44 anos mentres que, entre as persoas maiores de 64 anos sitúase no 70,3 %.
A dixitalización da cidadanía galega segue en aumento
O número de internautas aumenta 2,5 % respecto ao ano anterior. O 91,5 % dos galegos e galegas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos últimos tres meses, o que implica un incremento de 70.070 internautas nos últimos catro anos.
A fenda dixital en función da idade está a diminuír ano tras ano, e é importante destacar un notable aumento no nivel de dixitalización entre as persoas de 65 a 74 anos, cunha porcentaxe de usuarios de internet do 65,9 %.
Usos de internet
Respecto ao uso da rede en 2023, un 63,9 % dos galegos e galegas realizou compras por internet, 5,3 % máis que o ano anterior. Esta porcentaxe increméntase ata o 90,6 % entre os mozos e mozas con idades entre os 25 e 34 anos.
No que respecta á administración electrónica, o 85,2 % dos internautas empregárona para buscar información e o 80,8 % enviaron formularios cubertos ás Administracións Públicas a través da Rede, cun incremento do 3,1 % respecto á edición anterior.
Ademais, respecto a outros usos de internet o estudo sinala que o 98,5 % dos galegos e galegas que emprega internet usa mensaxería instantánea; o 88,6 % busca información sobre bens e servizo; o 86,6 % recibe ou envía correos electrónicos , o 81,7 % le noticias, xornais ou revistas en liña, un 79,6 % realiza chamadas por internet ou videoconferencias; e un 78,4 % emprega a banca electrónica.
Ciberseguridade
O 63,1 % das persoas que usaron Internet nos últimos 12 meses actualizan periodicamente, de xeito automático ou manual, algún dos seus produtos de seguridade. O estudo sitúa nun 14,4 % a porcentaxe dos internautas galegos que sufriron algún incidente de ciberseguridade no último ano.
Os resultados detallados do informe Galicia: A nosa vida en dixital poden ser consultados en osimga.gal Ligazón externa.