- Alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO deberán demostrar no concurso os seus coñecementos sobre seguridade no uso das tecnoloxías da información
- O programa “Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais” axudará ao alumnado a configurar as opcións de seguridade nas principais redes sociais
- A final do concurso, o 7 de novembro, será durante a celebración na Cidade da Cultura do Encontro Galego de Ciberseguridade
A Xunta convocou a cuarta edición do concurso Ciberseguridade no Cole!, no que poderá participar alumnado de 4º e 5º de Primaria e 1º e 2º da ESO dos centros educativos de Galicia. A actividade está enmarcada na celebración do IV Encontro Galego de Ciberseguridade o os organizadores agardan superar a cifra de 6.000 participantes do ano pasado.
A convocatoria coincide co anuncio da posta en marcha do programa de obradoiros “Iniciación seguro á pegada dixital e ás redes sociais” dirixido a alumnado de 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (ESO) e ciclos formativos de grao básico de FP dos centros educativos públicos e concertados de Galicia.
O prazo de inscrición ao concurso, que está organizado por Telefónica, permanecerá aberto ata o día 7 de outubro neste enlace Ligazón externa
A final desenvolverase no marco do Encontro Galego de Ciberseguridade, que os días 6 e 7 de novembro reunirá en Santiago de Compostela a destacados especialistas e profesionais de seguridade da información. O Encontro, que desenvolverá a súa cuarta edición, consolidouse como unha das grandes citas de referencia para a ciberseguridade en España grazas ao esforzo das entidades que integran o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal Ligazón externa, liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia..
A principal novidade do Concurso deste ano será o formato colaborativo da final entre todos os equipos finalistas, que consistirá na resolución dun reto sobre ciberseguridade. Na edición de 2023 participaron un total de 120 centros educativos.
Iniciación segura á pegada dixital
O programa de Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais, que conta coa colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ten entre os seus obxectivos o de reforzar a competencia básica do alumnado en seguridade na xestión dos seus perfís nas redes sociais. Busca tamén explicar a identidade dixital e a importancia da pegada dixital, afondar na configuración das opcións de seguridade e privacidade das redes sociais máis actuais entre nenos e nenas.
Consiste na realización dun único obradoiro por centro de carácter práctico que abordará a xestión segura das redes sociais que máis están a utilizar os escolares. Os obradoiros, de hora e media de duración e para un máximo de 30 persoas (da mesma ou de diferentes aulas), serán impartidos especialistas da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
En total, levaranse a cabo 250 obradoiros desde outubro de 2024 a xuño de 2025, todos de carácter presencial.
Os Centros que desexen solicitar ditos obradoiros, deben enviar ao enderezo electrónico asesoria.participacioneducativa [at] edu.xunta.gal (asesoria[dot]participacioneducativa[at]edu[dot]xunta[dot]gal (link sends e-mail)) antes do 27 de setembro. Cóntase con adxudicacións limitadas, e os centros seleccionaranse segundo a orde de entrada da solicitude, ata un máximo de 250 centros.