- Serán un total de 23 sesións dirixidas á cidadanía, que se celebrarán en aulas CeMIT das catro provincias ata o mes de decembro
- O obxectivo desta formación é sensibilizar sobre aspectos chave no uso seguro da tecnoloxía como a protección de credenciais ou a seguridade nos dispositivos
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia inicia mañá en Ortigueira as segundas xornadas formativas en materia de ciberseguridade previstas para este ano, que se celebrarán ata o mes de decembro en 23 aulas da Rede de Aulas CeMIT.
O programa, que leva por título “Ciberseguridade, os teus primeiros pasos”, ten como obxectivo sensibilizar á cidadanía e, especialmente, ao colectivo de persoas maiores sobre a importancia de aspectos como protección de credenciais, navegación segura, seguridade nos dispositivos e, en definitiva, no uso da tecnoloxía no día a día.
Estas sesións, para as que está aberta a inscrición, celebraranse de xeito presencial en 23 aulas da Rede CeMIT en horarios de mañá ou tarde. Nelas abordaranse de xeito práctico diferentes temáticas como o uso das redes sociais, a pegada dixital, a desinformación (bulos e noticias falsas) ou protección fronte a ciberataques, entre outras. Todas as sesións terán unha duración de 1,5 horas.
Inscricións
As persoas interesadas en seguir calquera das actividades pode facer a súa inscrición a través da web de CeMIT ou poñéndose en contacto coa aula que lle resulte de máis interese entre as seguintes: Ortigueira, Leiro, Catoira, A Cañiza, Betanzos, Pontevedra, Sada, Cuntis, Vimianzo, Celanova, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Carballo, Barreiros, Monforte, Riotorto, Fisterra, O Vicedo, Ponteareas, A Coruña-Eirís, Vilagarcía e Guitiriz.