STG

Preto de 700 nenos e nenas participarán este ano nas videoconferencias con Papá Noel que organiza a Rede CeMIT

Preto de 700 nenos e nenas participarán este ano nas videoconferencias con Papá Noel que organiza a Rede CeMIT
Rede CeMIT
Xunta de Galicia
Santiago de Compostela
  • Alumnado de 3 e 7 anos de 20 concellos asistirá a estes encontros virtuais entre os días 11 e 19 de decembro
  • As conexións con Laponia son xa unha tradición que comezou no ano 2007

A Rede CeMIT realizará, un ano máis, as tradicionais conexións con Laponia entre os días 11 e 19 de decembro. Este ano serán un total de 663 os nenos e nenas de educación infantil de 20 concellos os que participarán nesta iniciativa, que celebra xa o seu décimo sétimo aniversario.   

Esta cita, que goza de gran interese e aceptación entre a comunidade educativa, ofrece aos máis pequenos a posibilidade de falar con Papá Noel a través de videoconferencia, poucos días antes da Noiteboa.

Os encargados de inaugurar estes encontros virtuais o mércores 11 de decembro, a partir das 11 da mañá, serán os escolares de Educación Infantil do CEIP Xaquín Lorenzo Xocas de Bande.

Por toda Galicia

Nos seguintes días e ata o 19 de decembro conectarán con Laponia, en intervalos de media hora, as aulas CeMIT de  Abegondo, Bande, O Barco, Barreiros, Boiro, A Cañiza, Carballedo, Castrelo do Miño, Catoira, Celanova, A Fonsagrada, Guitiriz, Leiro, Ortigueira, Santa Comba, Valga, O Vicedo, Vilagarcía e Vimianzo.

Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel as persoas adultas en situación de dependencia psíquica do Centro de Día e da Asociación Alume de Guitiriz, así como persoas usuarias da Asociación Pro-Minusválidos Aspromor de Ortigueira.

Con este tipo de experiencias, a Rede CeMIT da Xunta busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen.