STG

Un informe da Xunta confirma a ausencia de fenda de xénero en Galicia no ámbito da dixitalización

Un informe da Xunta confirma a ausencia de fenda de xénero en Galicia no ámbito da dixitalización
Muller
Xunta de Galicia
Santiago de Compostela
  • O 91,7% das mulleres galegas declara que utilizou a rede nos últimos tres meses, fronte ao 91,3% dos homes
  • O 93,1% das mulleres usaron dispositivos electrónicos conectables a internet, porcentaxe tamén superior á dos homes
  • Ata os 44 anos as mulleres utilizan máis o comercio electrónico e a partir desa idade cambia a tendencia

O informe Mulleres en Dixital: O uso das TIC desde unha perspectiva de xénero, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), confirma a ausencia de fenda de xénero nesta Comunidade no ámbito da dixitalización.

Os datos indican que as diferenzas por xénero na frecuencia de uso de internet e dispositivos electrónicos en Galicia son mínimas, pero no 2023 adiantáronse as mulleres, xa que navegaron por internet o 91,7% nos tres meses previos á enquisa, fronte ao 91,3% de homes.

O incremento no uso de internet por parte das mulleres é a tendencia tanto en Galicia como no resto de España. No caso galego, o aumento foi dun 4,4% entre 2020 e 2023. A diferencia de xénero en Galicia (0,4) é moi similar á da media española (0,3). En ambos casos, a dixitalización por parte das mulleres supera lixeiramente á dos homes.

O informe do OSIMGA, que depende da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, analiza comparativamente os principais indicadores que definen as diferenzas de xénero no uso das tecnoloxías a partir de datos obtidos no marco do convenio asinado co Instituto Galego de Estatística (IGE).

Uso de Internet e comercio electrónico

As mulleres que declararon utilizar internet nos tres meses previos á enquisa acadan o 91,7% superando aos homes en 4 décimas. O acceso de homes e mulleres á rede é case universal ata os 44 anos. A partir de aí, hai unha lixeira vantaxe das mulleres.

O uso do comercio electrónico en Galicia amósanos unha lixeira vantaxe de 2 puntos porcentuais por parte dos homes. A idade é un factor condicionante á hora de adquirir un ben ou servizo en liña. Así, nesta edición obsérvase que, entre os menores de 44 anos, son as mulleres as que máis utilizan a Rede como canle de compras, superando en máis de 3 puntos aos homes. O uso iguálase entre os 45 e os 54 e invértese nos grupos de maior idade (de 55 a 74 anos), onde os homes usan o comercio electrónico cunha frecuencia que supera en máis de 5 puntos ás mulleres.

Uso de dispositivos dixitais conectables a internet

O 93,1% das mulleres usaron nos últimos tres meses dispositivos electrónicos que se poden conectar a internet, 0,6 puntos máis que os homes. O uso é practicamente idéntico e universal por xéneros ata os 44 anos. Dos 45 anos en adiante, baixa o seu uso en ambos xéneros pero as mulleres superan aos homes en máis dun punto en todas as franxas.

Comportamento na rede

As mulleres realizaron máis actividades de aprendizaxe na rede que os homes, tanto comunicarse con profesores e alumnos (+ 6,3) coma realizar cursos (+2,9).

Tamén usan máis internet as mulleres que os homes para concertar unha cita médica, cunha diferenza de case dez puntos (71,7% fronte a 61,9%). Tamén para buscar máis información sobre saúde e para acceder a arquivos persoais ou a outros servizos de saúde a través dunha páxina web (55,8% fronte ao 45,8%). Superan en ambos casos nuns 10 puntos porcentuais aos homes.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal Ligazón externa.